Benvid@s!!

-  Oíches Rato Gordecho, non tes boa cara!
- Xa, Mica, é que levo dous meses roendo no mesmo libro, e éche ben bonito, pero xa me gustaría botarlle o dente a algo novo
- Pero que pouca cabeza tendes os roedores, é logo non te lembras que a partir do 1 de outubro xa se poden coller libros da biblio??
- É verdade! Ademais é o mes das bibliotecas escolares. E comezan as mochilas viaxeiras!
- Claro! Este ano foi o ilustrador  Andrés Meixide (o de "Paco peco pequeneiro"), o que fixo o cartel, xa o puxen no blogue.
- Que chulada! Pois haberá que pensar en facer algunha festa para celebralo!
- Shhhh! Non digas nada, que xa teño un par de ideas, pero é unha sorpresa...
- Veñaaaaa! Dame unha pista!
- Pero se é elemental, querido Rato...

Benvid@s a tod@s. Miañadiñas e ronroneos.




Bubisher

Ola a tod@s!


No deserto saharaui, o Bubisher é o paxaro que trae a boa sorte. Cando o coñecín, o primeiro que pensei foi en papalo, porque claro, unha gata é unha gata, e un paxaro é un paxaro...Despois decateime de que o Bubisher tamén é un bibliobús cargado de libros que vai polas escolas saharauis repartindo contos e soños...e supuxen que un bus cargado de libros non podía ser moi dixestivo....


Dende a biblio Paula Carballeira, os nen@s do CEIP Os Casais, quixemos que un pedaciño da nosa historia chegase ata o Sahara, con axuda do Bubisher, por iso participamos no proxecto "Coñecernos para querernos".


En agradecemento, recibimos unha carta da "Asociación de Escritores por el Sahara - Bubisher" coa que tod@s estamos moi content@s, aquí a podedes ver:
Se queredes saber algo máis sobre o Bubisher, botade unha ollada á súa páxina web (http://www.bubisher.com), e se queredes saber como é para @s nen@s do Sahara o Bubisher, non deixedes de ver este video:



Miañadiñas e ronroneos

Mica Bigotes


Abril e maio de biblio

Ola a tod@s de novo!

Como sabedes, este pasado mes de abril celebramos o mes do libro cos nosos xa famosos amadriñamentos e apadriñamentos lectores. Pero sobretodo, "amadriñamentos", porque algunhas mamá tamén quixeron lernos un conto: Sonia (a mamá de Carolina), Pili (a mamá de Antonio e Jaime), Gloria (a mamá de Sara) e Noe (a mamá de Miriam). 


Ademáis, este ano tamén  os máis pequen@s leron para tod@s (e moi ben, por certo!). Tivemos tanto éxito que incluso seguimos lendo en maio para celebrar as Letras Galegas. O rato e máis eu escoitamos agochadiños entre os estantes e pasámolo en grande! 


Para que non vos esquezades, aquí tendes unha reportaxe fotográfica de todo o ocurrido, tamén podedes ver máis fotos na galería do cole.

Miañadiñas e ronroneos

Mica Bigotes


Click to play this Smilebox presentación
Create your own presentación - Powered by Smilebox
This presentación generated with Smilebox



Blogueando

Ola a tod@s!


Nunca vos pillastes un bigote nun libro? 


Xa sabedes que @s felin@s temos unha sensibilidade especial, cando collo un libro, non só o leo, tamén o apalpo cos bigotes, para imaxinarme quen o leu antes ou que aventuras me esperan . Que emocionantes son eses minutos nos que antes de abrir un libro para lelo, podes pensar de que tratará, fáiseme a boca auga! Despois, cando o leo, póñenseme os bigotes de punta (se é de medo ou de intriga), ou retórcense coa risa!  


O rato gordecho máis eu "deixámonos os bigotes" en moitos libros, e agora neste blogue para que tod@s sigades pasándoo ben coa biblio. Esperamos que vos guste.


Miañadiñas e ronroneos


Mica Bigotes