Amosando publicacións coa etiqueta charlas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta charlas. Amosar todas as publicacións

Espeleoloxía

Ola a tod@s!!
   Sabiades que o alumnado do 3º ciclo recibiu unha charla de espeleoloxía? Díxomo o Rato Gordecho. Estivo a cargo da Federación Galega, que se ocupa de realizar actividades de formación, divulgación e respecto polo medio subterráneo. Disque resultou interesantísimo todo canto falaron. Onde andaría eu metida, para perderme isto? Miau! Seguro que xusto ese día non chovía e fun dar unha voltiña polo bosque...
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Día da Árbore

Ola a tod@s!!
   Nin a chuvia constante foi quen de deslucir as actividades do Día da Árbore. Acompañáronnos os gardas forestais, a "policía do monte", cos seus impresionantes vehículos (a motobomba, un éxito total). Explicaron en que consiste o seu traballo, falaron da importancia de coidar as árbores e os animais do monte, realizaron demostracións do funcionamento de diferentes instrumentos, plantamos carballos...
Se chove..., que chova!
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

8M. Mulleres de Os Casais

Ola a tod@s!!
   No 8M deste curso recibimos, con moitísima alegría, a María López Seco, alumna (noutros tempos. Miau!) deste cole. Contounos a súa experiencia como graduada en Medicina, a importancia de que as mulleres esteamos en todos os ámbitos, tanto sociais como profesionais, falounos de mulleres pioneiras  e da responsabilidade persoal de loitar pola nosa vocación sen ter en conta os prexuizos. Mudar as cousas cara a igualdade é un camiño que nos compete a todos; non podemos desistir, hai que andar e andar e andar pese aos muros que atopemos no camiño. Moitas grazas, María, por achegarte a estar con nós! Querémoste!

8M- Pola IGUALDADE

Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Lucas Ramada nos Casais

Ola a tod@s!!
   Hoxe a nosa biblio tivo o privilexio de recibir a Lucas Ramada, o máis grande experto en ficción dixital. Compartiu tempo e coñecementos cos nenos e nenas, coas familias e co profesorado. Somos todos principiantes (agás el, claro) e estamos iniciándonos nun medio no que é moito o que nos queda por aprender; facelo da man de quen máis sabe, danos a seguridade de que os pasos que imos dando poderán ser pequenos, pero serán correctos.
Grazas, Lucas, pola túa presenza, pola dispoñibilidade, cercanía e simpatía.
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Plan Director

Ola a tod@s!!
   Non falara aínda neste curso do Plan Director e pode que alguén pensara que neste curso non había. Si que temos Plan Director e con el as nenas e nenos maiores reflexionan e aprenden sobre igualdade, sobre o acoso escolar e sobre a necesidade de protexerse ante os riscos da Rede e de facer uso dela con responsabilidade.
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Animais, animais.

Ola a tod@s!!

   Ben sabemos canto lles gustan aos nenos e as nenas os animais. Pero é importante saber coidalos, comprender que é necesario responsabilizarse deles e coñecer cales sonatender as súas necesidades. E máis nestas datas, nas que, ás veces, son tratados como cousas, coma se foran de "usar e tirar".

Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Augas de Galicia

Ola a tod@s!!
   Coma sempre, a nosa biblioteca activa dende  primeiro día. Onte, primeiro día lectivo de 2024 recibimos a unha científica da entidade pública  Augas de Galicia, que veu facer un obradoiro co alumnado de 1º e 2º, dentro da Campaña de concienciación en áreas con risco potencial e significativo de inundación. Falounos do ciclo da auga, o dano causado por especies foráneas como o eucalipto, do perigo de non respetar os límites das concas fluviais... Foi todo moi intereseante, e divertido!

Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Saúde

Ola a tod@s!!
   O luns tivemos unha interesantísima charla na biblio. Viñeron tres odontólogas a aprendernos a maneira correcta de coidar a nosa saúde bucodental. Explicaron moitísimas cousas que non sabiamos. Nin as profes as sabían! O Rato, nin escoitara falar de cousa tal... (non llo digades a ninguén, pero el nin vai ao dentista!).


Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes
Ola a tod@s!!
  Tamén o venres 16 recibimos a nosa querida Asociación Betula (sempre dispostos a colaborar). Nesta ocasión non falaron dos ríos, senón do noso patrimonio. 
   O 16 de Novembro é o Día do Patrimonio. Por iso faláronos de castros, petroglifos, monumentos, paisaxes naturais... Faláronos do inxente patrimonio cultural galego, material e inmaterial, que debemos coñecer, valorar, coidar e transmitir.
   Grazas por ofrecernos unha charla tan interesante!

Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes
Ola a tod@s!!
   O venres 16 tivemos unha charla do Plan Director. Foi unicamente para as alumnas e alumnos maiores; na súa aula.  A Biblio ese día estaba reservada para outras actividades, ás que asistiu todo a alumnado (5ºe 6º tamén).

Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Educando con Malibú

Ola a tod@s!!
   A cadela Malibú visita os coles de Educación Infantil e Primaria para ensinarlle aos nenos e as nenas a ser máis responsables, máis solidarios e a ter unha maior sensibilidade e respecto cara aos animais.


Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes



Escola de avós

Ola a tod@s!!
   Xa chegou xaneiro!  
   E imos xa nada menos que polo día 11!
  Hoxe recibimos á Escola de Avós de Fene, que veu compartir connosco coñecementos e vivencias de seu. Presentaron a publicación "A chegada da electricidade" do proxecto Construíndo pontes.

   Fixeron unha exposición do seu traballo  e realizaron dinámicas participativas referidas á luz e a electricidade, os medios de comunicación e os electrodomésticos.
   Na última parte mostrouse o resultado da participación do alumnado dos programas "Espazos compartidos" e "Suma e segue". 


 
 
 
 
 
Ronroneos e miañadiñas

Mica Bigotes

Conferencia sobre os indianos

Ola a tod@s!!
Quero falarvos doutra actividade que tivemos. Desta vez non celebrada na biblioteca, senón na magnífica aula indiana que recrearon as nosas mamás-artistas da ANPA, para conmemorar o centenario destas escolas fenesas, que, como sabedes está a celebrar o Concello.


 A que parece de verdade? @s nos@s pequen@s igual non acertan a velo, pero máis de un avó ou avoa seguro que si. Eu, que son unha gata lonxeva e xa andei moito polo mundo, podo asegurar que non é moi diferente  daquela na que iniciei as miñas primeiras aventuras bibliotecarias.
   Aquí foi onde asistimos a unha conferencia a cargo de Javier Vilasánchez, mestre xubilado, que veu falarnos non só das escolas dos emigrantes e a súa importancia, senón tamén doutras moitas cousas: as vivendas, os cines, os salóns...
 
Ronroneos e miañadiñas

Mica Bigotes

Ignacio Iglesias Villanueva

    Tivemos a honra de recibir na nosa biblioteca a Ignacio Iglesias Villanueva; para nós Nacho, xa que impartiu aulas neste cole hai un par de cursos.
 Como ben saberedes é árbitro de Fútbol, da Primeira División. Foi diso do que veu falar: de deporte, de fútbol, da arbitraxe...
   Foi un día especial para todos, no que nos sentimos moi content@s; en especial aqueles que foron alumn@s seus. E as súas ex-compañeiras tamén, claro.
   A súa charla foi moi amena e interesantísima. Fútbol, como non! E a súa compañía un auténtico placer.




Ronroneos e miañadiñas

Mica Bigotes

Xosemaría Pérez Parallé

Ola a tod@s!!


 Hoxe, Francisco Pérez Porto, escultor e fillo do coñecido poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, visitou o CEIP Os Casais para falar connosco sobre a figura do seu pai. Tamén o acompañou Carme Romero, ceramista e pintora do concello. 


Os dous artistas contáronnos varias anécdotas sobre Pérez Parallé e incluso cantaron un par de poemas musicados do autor, así como unha cantiga composta por Carme; despois responderon con moito gusto ás preguntas que os nenos e nenas de 5º e 6º tiñan preparadas acerca da obra do poeta e deles mesmos.

Moitas grazas Carme e Francisco pola vosa agarimosa colaboración e moitas grazas Noe por poñernos en contacto con eles.

Cada vez o temos máis claro Fene é "un concello ben interesante"!!

Ronroneos e miañadiñas

Mica Bigotes