Paz compartida

Ola a tod@s!!
   Hoxe recibimos un agasallo moi especial: os nenos e nenas de Centieiras quixeron compartir con nós unha parte das 1000 grúas pola paz que confeccionaron seguindo a estela de Sadako. Vedes o chulas que son?
    Grazas, amig@s, mandámosvos moitas apertas.


Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

A nosa feira

Ola a tod@s!!
   Anxos e Deva foron entrevistadas en Radio Fene para dar a coñecer o importante evento que terá lugar na mañá do domingo, 8 de marzo: a Feira dos Casais. Podedes comprobar que, xunto con Marta, son unhas embaixadoras excepcionais do noso cole. Que ben o fixeron! 
   Hai moitísimo traballo detrás deste proxecto cooperativo tan ilusionante; esperamos que esa xornada sexa todo un éxito "comercial". De non selo, a súa realización, o ter chegado ata aquí, xa o é. Miau!
Agradecemos a Radio Fene o seu interese por visibilizar esta iniciativa.




Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Profe Lorena

Ola a tod@s!!
   A estas alturas do curso é a profe Lorena quen anda lendo por todas as aulas. Si, si, que os profes e as profes din sempre: "Nós tamén contamos". Eu nunca acabo de saber se falan de que contan historias dos libros ou que elas e máis eles tamén importan. Ou serán as dúas cousas? Miau!
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Club de Lectura

Ola a tod@s!!
   Na tarde do luns, reunímonos para compartir comentarios sobre a lectura da obra Cousas pequenas como estas, de Claire Keegan. Resultou, coma sempre, un tempo compartido moi agradable e interesante. Aínda que faltou algunha persoa, podedes comprobar que somos un grupiño moi pequeno. É unha mágoa que non se sumen máis nais e pais a esta iniciativa tan enriquecedora. Miau! Aínda así, confiamos en poder ser máis na última xuntanza. Ou no curso que ven! Miau!
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Maqueta colaborativa

Ola a tod@s!!
   Un dos maiores activos deste cole son, sen dúbida, as familias. Cantos proxectos levamos realizados grazas á súa iniciativa, o seu traballo desinterado, a súa implicación altruísta e a súa dedicación incansable para que a cativada aprenda de forma motivadora! O noso agradecimento é infinito. Unha mostra de que sumando esforzos consíguense resultados excepcionais é a maqueta colaborativa sobre as feiras, que forma parte do Proxecto O noso patio soñado. Participación, cooperativismo, creatividade, patrimonio cultural, historia...

Grazas, familias!
Moitísimas grazas, Marta!
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Máscaras

Ola a tod@s!!
   Penso que non vos contara nada da marabillosa exposición de máscaras  que tivemos na semana anterior de marchar de vacacións para celebrar o Entroido na casa. Foi impresionante! O artesán Xosé Manuel Seixas Ares adícase a estudar e divulgar as diferentes manifestacións tradicionais do Entroido galego. Tamén doutros lugares, como a illa de Cerdeña ou o veciño Portugal. As crianzas pasárono en grande probando as máscaras! O Rato ata papou medo cunha que tiña uns cornos... enooormes! Miau!
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes


Día de Rosalía

Ola a tod@s!!
   Hoxe celebramos un dos días máis grandes da nosa biblioteca: o Día de Rosalía. Tivemos a sorte de non estar sós; varias nais viñeron a compartir con nós a alegría deste día, lendo cos seus fillos e fillas. Sempre é fermoso este día.  Miau!
   Sumámonos á proposta da AELG: #_rdc2026#maiselestamenperdidos. Leímos o Manifesto deste ano, recitamos e cantamos poemas de Rosalía relacionados coa inxustiza social, os abusos de poder e o drama da emigración, e ata cantamos tamén na súa homenaxe. E, como sempre, ademáis dos marcapáxinas conmemorativos, hoxe  levamos un libro e unha flor. Miau! Miau!
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Grazas, Andrea!

Ola a tod@s!!
   Unha vez rematado o Entroido, volvemos á normalidade. Aquí vos deixo a entrevista a Andrea, quen, moi amablemente, pretouse a responder a todo canto lle preguntou o alumnado do 3ºCiclo. Lembrade que visitou o cole, o seu cole, co gallo do Día da Muller e a Nena na Ciencia.
Moitas grazas, Andrea!



Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

AO LUME!

Ola a tod@s!!
   Por intentalo que non quede! Fixo un amago de soborno, pero non colou, que a tradición é a tradición. E iso que costou espantar á choiva! (Miau!)

Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Mulleres dos Casais

Ola a tod@s!!
   Hoxe recibimos con gran alegría na nosa biblioteca a Andrea, quen, como a nosa cativada actual, medrou nos Casais. Aquí pasou os seus anos de Infantil e Primaria. Segundo ela, van aló moitos anos, mais, como eu son unha gata veterana con moitos invernos nos meus bigotes, sinto que todo ese tempo pasou coma un lóstrego (Miau!).
   Veu falarnos da súa profesión, do día a día do seu traballo e da importancia de apoiar as vocacións científicas das nenas. Que habelas, hainas! (Miau!) E moitas!
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Entroido 2026

Ola a tod@s!!
   Chegou o Entroido!!!
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Proxecto Patio

Ola a tod@s!!
   Este venres toda a cativada, por cursos, reflexionou sobre os datos obtidos nas enquisas (para alumnado, familias e profesorado) realizadas sobre os patios de recreo. Todo estaba reflectido e clasificado no impresionante mural do corredor.
Moitas grazas, familias!
Moitísimas grazas, Marta!
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Entroido

Ola a tod@s!!
   Xa temos as Mecas deste curso!!! Grazas, familias! Como sempre, veñen con retranca. Así ten que ser no Entroido.
   A ver, dicídeme, enche máis a cabeciña un bo libro ou eses videoxogos cos que máis que nada perdemos o tempo? 
   Mirádeas ben, penso que deixan clara a resposta. Miau! 

Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Inverno

Ola a tod@s!!
   Unha das primeiras actividades deste ano 2026 foi a que realizamos en colaboración coas familias e leva por título "Enrédate coas estacións". Toca inverno (e ben que se nota!). Desta vez, inventamos acrósticos.
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Club de Lectura

Ola a tod@s!!
   Na tarde de onte houbo xuntanza do Club de Lectura de persoas adultas. Comentamos a novela de Ágota Kristoff "O gran caderno", que forma parte da triloxía "Claus e Lucas". É unha obra breve, de estilo conciso e sen artificios, cun contido que a ninguén pode deixar indiferente. Poderiamos falar dela durante horas e horas... Tiveron que botarnos do cole!!!
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Outra vez!

Ola a tod@s!!
   Outra vez volveuma xogar o rato! E non aprendo! Agocha as fotos e tardo un mundo de tempo en atopalas. Isto atrásame moitísimo o traballo e non podo contarvos todo canto se move por aquí. Pouco a pouco irei subindo imaxes das cousiñas que había na caixa. Rato Gordecho acaba comigo! Xa sabedes que é un trasniño... (Miau!)

Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Microtoponimia

Ola a tod@s!!
  Dende o primeiro día, 8 de xaneiro de 2026, a nosa biblio está chea de vida. Este primeiro día do segundo trimestre recibimos a Enrique Sanfiz, de Radio Fene, quen nos veu falar sobre a microtoponimia. Vai ser este un dos proxectos que imos desenvolver nestes primeiros meses do ano.
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes