Correlingua 2025

Ola a tod@s!!
   Este martes fumos ao Correlingua, que como sabedes é un evento cultural, que inclúe unha marcha e unha actuación musical. É unha proposta lúdico-educativa que ten por obxecto a dignificación da cultura galega, pondo especial énfase na cuestión lingüística, pondo así mesmo de relevo a importancia do papel da rapazada no proceso de normalización. Nós gozamos moito con esta celebración en prol dos dereitos da lingua galega. 
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes


Mércores de lectura

Ola a tod@s!!
   
Hoxe, nestes tempos nos que estamos rematando as actividades da biblioteca, recollendo datos para realizar a avaliación, repartindo diplomas varios, etc., tivemos un día ben completo de lectura. Pola mañá, Virginia veu ler á nosa biblioteca. Dámoslle as grazas. A ela e a todas as nais e pais que, ao longo do curso viñeron compartir historias coa rapazada.

 E, pola tarde, no club de lectura de adultos, contamos coa marabillosa Marilar Aleixandre. Unha mágoa que algunhas persoas non puideran vir. Perderon unha charla certamente moi interesante. Foi un auténtico pracer recibila na nosa biblioteca e escoitala falar da súa obra e das historias reais que detrás dela hai.

Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Mulleres de premio

Ola a tod@s!!


As obras "Mulleres que viven xuntas", "Erin e o lobo" e "O corvo sobre a neve" resultaron gañadoras do XLII Premio Xerais de Novela, o XL Premio Merl´n de Literatura Infantil e o XVII Premio Jules Vernede Literatura Xuvenil. As autoras son, respectivamente, Abril Camino, Érica Esmorís e Andrea Maceiras.
Parabéns para as tres!
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Héctor Cajaraville

Ola a tod@s!!
   Hoxe recibimos na nosa biblio a Héctor Cajaraville. Veu reunirse cos nenos e nenas dos dous grupos do club de lectura Miañadiñas Literarias. Unha das obras que leron foi Denébola, a Roxa. Encantoulles e, por iso, esperaban con ansia poder falar co autor. Foi unha xornada emocionante; el, un encanto. Se ata deixou que o entrevistaran na radio escolar! Miau!

Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Xornadas Clubs de Lectura

Ola a tod@s!!
   Hoxe, 21 de marzo, celébranse en Santiago de Compostela as Xornadas dos Clubs de Lectura. Alí está o profe Jesús, responsable de Miañadiñas Literarias, o noso club. Seguro que nos traerá ideas novas e fresquiñas para que así poidamos mellorar de cara ao ano que ven e conseguir que sexa aínda mellor que este, no que todas e todos estamos xa moi contentos. Ou non? Miau!

Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Día do Libro na Residencia

Ola a tod@s!!
   Hoxe recibimos as fotos da actuación estelar do grupo de voluntarios e voluntarias de biblioteca na Residencia de Maiores de Laraxe. Seguro que xa vos contaran o exitazo que acadaran e o moitísimo que fixeron rir ás persoas que formaban parte do público. Estivo xenial! E o chocolate... riquísimo! Quedamos convidados para volver o curso que ven, así que, ide pensando en apuntarvos ao voluntariado; traballaredes, pero tamén vai ser divertido. Se non me credes, preguntade, preguntade.


 Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Maios 2025

Ola a tod@s!!
   Cando Dorothé Schubarth percorreu Galicia facendo a recopilación do cancioneiro, atopou cantigas e coplas dos maios. Non podía ser doutra maneira, porque esta é unha tradición de gran arraigo popular.
   Nós, neste 2025, baixamos ata O Pote. Coma sempre, aceptamos con enorme ledicia o convite que esta asociación nos fai para que celebremos os maios con ela.
   Moitas grazas. 
   Traballamos arreo e quedounos todo precioso. Pasámolo en grande e a andaina non nos veu nada mal.
   Ata tivemos sorte, que a chuvia foi pouca! Miau!


Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Outdoor Day

Ola a tod@s!!

Este xoves celebramos o Outdoor Classroom Day. Este é un movemento global que inspira e celebra o xogo e a aprendizaxe ao aire libre, tanto na casa como na escola. Os nenos e nenas pasan menos tempo que nunca ao aire libre, cando isto é beneficioso para a saúde, o benestar e a felicidade.
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Poesía na primavera

Ola a tod@s!!
 

 Penso que non puxera ningún exemplo do bonitiñas que quedaron as portas das aulas vestidas de primavera. Preciosas, verdade?

A volvoreta, cansa de voar,
aquela primavera
 cun paxaro foi casar.


Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

IGUALDADE

Ola a tod@s!!
   Por cortesía do Consorcio Editorial Galego o noso alumnado participou na biblio nunha sesión de teatro con "A Xanela do Maxín. O título da actividade foi Rachando co guión, espectáculo que fomenta a igualdade a través do xogo dramático e no que as nenas e nenos , xunto con Celtia Figueiras, actuaron con títeres, convertíndose en parte activa do proceso artístico e de concienciación sobre as desigualdades de xénero.
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Día do Libro

Ola a tod@s!!
   Para festexar o Día do Libro tivemos tamén na nosa biblio unha función-obradoiro de teatro en inglés. Que ben o pasamos!
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Premio Mil Primaveras

Ola a tod@s!!
 
 Hoxe o Rato e máis eu estamos moi contentos (por partida doble) porque a Real Academia Galega acaba de conceder o VI Premio Mil Primaveras ao proxecto de investigación e acción para a promoción do galego na infancia, que desenvolve en colaboración co concello de Ames: Modo Galego. Actívao!
  
Tamén foi recoñecida a empresa de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego Brazolinda

Moitos destes xogos están na nosa biblio e recibir a Irimia no cole é sempre un pracer polos divertidos momentos que nos fai pasar.


   Do Modo Galego. Actívao! estamos xustamente agora participando na adaptación que nós facemos. Este galardón é un bo motivo para continuar con folgos renovados tras esta longa ponte.

   Dime o Rato Gordecho que tamén significa que estamos no bo camiño. Miau! Sabedes? O Rato éche un trasno, pero, ás veces, penso que é sabio. Miau!

Ronroneos e miañadiñas
 Mica Bigotes

A Gran Lectura

Ola a tod@s!!
   Choveu. Este curso éche todo así! Coa sempre, que isto é Galicia, di o Rato. E boa razón que ten. Mais non deixa de ser unha  pena non poder celebrar A Gran Lectura, un dos clásicos do noso cole, no exterior. Aínda así, esta actividade resultou todo un exito. A min encántame ver a todos tan contentos, gozando de estar xuntos, grandes e pequenos, pequenos e grandes, gozando da lectura, gozando cos libros.
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes