DÍA DA ILUSTRACIÓN

Ola a tod@s!!
   Para celebrar o Día da Ilustración, que se celebra hoxe, 30 de xaneiro, os nenos e as nenas expuxeron as fermosas ilustracións que realizaron sobre libros que nos aprenden a convivir en paz.

Temos o cole cheo de artistas!!! Miau!!!


Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

DÍA INTERNACIONAL DA EDUCACIÓN

Ola a tod@s!!
   Hoxe, 24 de xaneiro, celebramos o Día Internacional da Educacion. Este día foi proclamado pola ONU no ano 2019 e nós vímolo celebrando dende o primeiro  día. Antes ben, celebrábamolo xa con anterioridade. Sempre defendimos de maneira especial (dentro da defensa de todos os dereitos humanos, claro está) o dereito á educación para todas as nenas e nenos do mundo, para todas as persoas, en realidade, sexan mozas ou adultas. Por iso, a nosa querida Cadeira Vermella, acompáñanos de forma permanente.
   Neste curso, como non podemos realizar ningún acto reivindicativo conxunto, foi a clase de 5º a encargada de lembrarnos a tod@s a importancia da educación.
   Dámoslle as grazas a Carolina, Enma, Irene, Fran e Miguel por ter realizado este vídeo.


Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

REIMUNDO PATIÑO

Ola a tod@s!!
   Este ano 2022 dedicamos o Día da Ilustración ao pintor e debuxante de banda deseñada galego Reimundo Patiño.
   Foi unha das máis importantes figuras do panorama cultural de Galicia da posguerra e autor do primeiro album galego de banda deseñada, xunto con Xaquín Marín (o autor do noso logo, lembrades?).


Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

TEATRO!

Ola a tod@s!!
   Así de bonitiña quedou a pequena exposición de teatro.
   A gozar dela!!!

Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Xaneiro=PAZ

Ola a tod@s!!   

O mes de xaneiro témolo sempre dedicado a traballar sobre a paz. Escollimos os textos para cada un dos ciclos e agora toca gozalos, aprender con eles, sacarlles o zume e crear a partir deles.
   Seguro que @s nos@s artist@s sorpréndennos con obras ben creativas. Non sei que se lles pasará polo maxín, pero non dubido nadiña que farán cousas fermosas. Coma sempre.

Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Árbore dos desexos

Ola a tod@s!!
   
   Tivemos hoxe o noso primeiro día lectivo deste 2022 e foi todo moi, moi ben. Na Árbore dos Desexos que con tanta ilusión prepararon antes das vacacións aparecía de forma reiterada a petición de saúde. Empezamos ben; sen ausencias e con grandes doses de enerxía e alegría.
   A ver se todos eses fermosos desexos que aínda penduran da árbore cúmprense neste ano que comeza.

Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

KOHA

Ola a tod@s!!
   

Neste curso estamos a dar un paso importante na nosa biblioteca: renovamos o programa de xestión. 
As bibliotecas escolares galegas , apiadas pola Axencia para a Modenización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), van ser incorporadas de forma progresiva a este sistema baseado en software libre, integrado e flexible, que suporá un gran  avance .
Este proxecto está na súa primeira fase de execución. Nós formamos parte das 150 bibliotecas escolares escollidas para facer a migración no presente curso 21-22. Somos moi afortunad@s!
   Mais isto supón unha gran cantidade de traballo extra, que imos realizando como podemos. Temos a sorte de non estar sos o Rato e máis eu; temos axudantes que están a dedicarlle unha morea do seu tempo (polas tardes, nas fins de semana, nas vacacións...) Miau! E contamos, ademáis, coa inestimable colaboración dos voluntarios e voluntarias de biblioteca no tempo de recreo.

Grazas, chic@s!

 Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Visita!

Ola a tod@s!!
   O día 10 de decembro recibimos unha visita na nosa biblioteca. Foi unha alegría moi grande, porque, ainda que so puideron asistir as nenas e nenos de 6º (grupos-burbulla, xa sabedes), ir dando pequenos pasos cara a unha actividade "normal" é motivo de ledicia. Pensade que todo o curso pasado estivemos totalmente pechados cara ao exterior, e neste, case case. En fin...
   Veu falarnos da importancia da solidariedade, do noso Pasaporte, que este ano é do Camiño de Santiago, e tamén disto, das peregrinacións xacobeas. El, Cristóbal, non so está vinculado directamente co Voluntariado Galego, senón que tamén é, como periodista, o cronista oficial do Camiño Inglés (o que pasa por Fene), e viaxa por toda Europa impartindo conferencias e promocionando esta ruta.

Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Mochilas Viaxeiras

Ola a tod@s!!
   

   Se coa Maleta Viaxeira achegáronse libros ao noso cole, coas Mochilas Viaxeiras van ata as casas para compartir as lecturas coas familias.
    Durante todo o primeiro trimestre fixeron xa un longo percorrido, tanto ás dos libros como as que levan outro tipo de materiais: xogos, música, cine...

Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

Libros, libros.

Ola a tod@s!!
   

Xa que onte falei desa preciosa exposición que tivemos grazas á maleta da Asesoría, díxome o Rato que amosara unha foto daquela outra que montamos el e máis eu con algúns libros de medo aló polo Samáin, porque sabede que este traveso roedor que temos como amigo pásao en grande por esas datas e gústalle recordalo.

Ronroneos e miañadiñas

Mica Bigotes

Maleta Viaxeira

Ola a tod@s!!
   A partires de novembro e ata fin de trimestre contamos cunha das Maletas Viaxeiras da Asesoría de Bibliotecas Escolares: a do Camiño de Santiago. Montamos unha exposición cos materiais sobre esta temática que contén e as nenas e os nenos descubriron lecturas  novas e outras cousas moi interesantes.


Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

AFUNDACIÓN

Ola a tod@s!!
   Quero contarvos que durante todas estas vacacións, e ata o 15 de xaneiro, están expostas no edificio Afundación de Ferrol todas as Violetas dos centros escolares da Comarca de Ferrolterra que participamos no III Encontro escolar pola eliminación da Violencia de Xénero 2021. 


Somos haters da Violencia de Xénero!!!
Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes

2022

Ola a tod@s!!
   Chegamos ao 2022. Continuamos nesta situación atípica que nos fai vivir dentro do cole dun xeito tan diferente. É, sabédelo tod@s, unha situación terrible que condiciona enormemente as nosas realcións coas outras persoas e a vida en xeral. Por iso, cando empezamos, aló por setembro, o primeiriño que fixemos foi reflexionar sobre as nosas emocións.
   Un curso novo sempre trae alegría, expectativas, nervos..., pero, desta vez, tamén había medo, incertidume, preocupación, angustia, intranquilidade... É importante aprender a recoñecer estas emocións, analizar de onde veñen e saber como xestionalas.

 

Ronroneos e miañadiñas
Mica Bigotes